Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta E. L. James. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta E. L. James. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de marzo de 2013

Porno para mamás?

Eli Ríos

Por Eli Ríos

É probable que despois desta confesión pública comece escoitar rexoubeos ás miñas costas e é comprensible. Non me asustarei nin pensedes que o tomarei a mal. Non todos os días alguén comete unha asneira digna de ingreso psiquiátrico. Si, lin de cabo a rabo as 1800 páxinas da triloxía de moda. Si. Que si. Si, muller, si. A romántica, sensitiva, erótica e totalmente adictiva Fifty Shades of Grey. Esa que devoran as mulleres. A mesma que os xornais inseren no xénero literario de "porno para mamás".

Direi no meu descargo que son filla do pensamento sistémico e "engancheime" desde a primeira liña do primeiro volume na que a protagonista di: "I scowl with frustation at myself in the mirror". Comprenderedes que xa tiña a semiosfera particular de Anastasia Steel (a prota) pero precisaba encontrar "o todo" para chegar a delimitar as redes e as relacións sociais e culturais.

Engadirei, ademais, que son lectora compulsiva e se son capaz de ler as instrucións dos mobles de Ikea isto non faría moita diferenza, ou si?

Seguindo a terminoloxía de Greimas, a estructura é "de libro": nun nivel profundo disponse en aserción e negación e a partir de aí a narración explica as diferentes relacións entre os obxectos. O realmente interesante está por vir: Como se artella a configuración discursiva?
Desde a escrita non sei como se organiza porque non coñezo (nin coñecerei) moito esta autora. O que si vos digo é que o lado da lectura está a un paso do alcoholismo ou dos ansiolíticos.

A novela conta as aventuras dun home supermegaricopoderosoincreible (con helicóptero persoal e todo) e unha megasuperadolescente de vinte e tantos estudante de literatura, supervirxe e cos cartos xustos para ir tirando. Unha historia mais do príncipe ou dunha Pretty Woman, como tantas outras, só que con Mercedes, Audi's, helicópteros, iates en Mónaco, pesca no chalet de Aspen e demais (Wow!). Un clásico actualizado e cunhas pingas de fetiches sexuais descafeinados.

A construción da masculinidade patriarcal desta obra é o que me ten intrigada e abraiada.
Nalgún momento da lectura cheguei a inventar a miña propia quimera na que esas "porno mamás" son dummies até que les os comentarios sobre a obra. Entón, xa non sabes se meter a cabeza dentro dun pote e non sair mais ou emigrar para onda os pingüíns e conxelar as poucas esperanzas que che quedaban sobre a humanidade.

Poñamos un pouco de sentidiño... De verdade que hai quen lle di ás rapaciñas que un home ten dereito a controlar as túas chamadas, movimentos, o teu anticonceptivo, dicirche que roupa debes pór ou como e en que ton é obrigatorio que expreses o teu pracer sexual? Pois si.

Non só nas familias e grupos de lecturas se ve como normal que a parte masculina do enredo lle diga á feminina que se non lle fai de comer terá que castigala ou que leve a muller cal troglodita polo medio da rúa como se fose un saco de patacas. Non só... senón que este nadal pasado, fixéronse grandes campañas de mercadotecnia para aumentar as vendas da triloxía e continuar aprendéndolle ás novas xeracións (a través dos adultos lectores) que as mulleres debemos procurar un home rico que nos bata e nos teña en casa (os xefes de Anastasia son violadores) até empreñarnos porque diso depende o noso desenvolvemento como persoas.

Non estamos a falar dun libro calquera.  Fifty Shades of Grey leva vendidas máis de 31 millóns de copias. É moita xentiña fabricando un mundo no que os mercados fan unha apoloxía encarnizada da violencia de xénero hipotecando futuros a un interese demasiado alto: o da propia vida.