Remato esta novela cunha sensación de densidade innecesaria. Hai algo na forma (se cadra perderse nos detalles ou un algo de repetitivo) que resta a unha historia potente e suxestiva. No centro dela, unha nena que vai medrando nun contexto de violencia que é moito máis sutil do que pode semellar. Na pugna cun pai manipulador, o invisible toma centralidade e o apoio dunha cultura ancestral representada por señora Azucena abre portas insólitas a xeitos de resistir e facer fronte a situacións das que, non debemos esquecelo, as crianzas non teñen opción de escapar. Mais a protagonista atopa a súa vía nas pequenas vinganzas e na fortaleza mental de saberse ela tamén suxeito nunha oposición ao poder do pai que ten máis lecturas ca as evidentes. Unha primeira novela prometedora.
