Buscar neste blog

mércores, 15 de xullo de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Mulleres na construción da nación galega


 E esta unha publicación de apenas 64 páxinas, pero intensa e que supón a porta de entrada para achegarse a unha boa morea de lecturas que ofrecen as diferentes bibliografias dos artigos. 

Aurora Marco, Pilar G. Negro, Margarida Corral, Carme Vidal, Daniela Ferrández, Montse Fajardo e Lucia Veciño visibilizan, nestes artigos, o papel que desenvolveron as mulleres das Irmandades, nas loitas agrarias, obreiras, na militancia nacionalista, na memoria democrática ou na reivindicación dos dereitos LGBT.


Cada un dos textos vai acompañado dunha serie breve de imaxes, moi potentes, que poñen rostro e individualizan aquelas mulleres que "sufriron consecuencias por unha valentía que hoxe é unha inspiración á hora de imaxinar a Galiza que está por vir"(páx. 64, D. Ferrández)


sábado, 11 de xullo de 2026

María Reimóndez recomenda... Goma de borrar de Valeria G. Caneda

Gustoume moito esta novela, tanto no que conta como na maneira de contalo. A protagonista, que comeza a historia con 15 anos, desafía o relato preconcibido do que é a violencia. A través do recordo disociado, das referencias implícitas, obríganos a repensar que cousas se normalizan ata o punto de que, década tras década, as rapazas sigan sendo incapaces de identificar a violencia. Ou, máis ben, de escoitar a voz interior que a todas nos avisa. Porque, total, que pasou realmente? Nesa pregunta están todas as respostas. 

martes, 7 de xullo de 2026

A tradución como ferramenta decolonial por Eli Ríos

En A garota que não se calou, Adunni conta a súa historia en primeira persoa. Ela ten catorce anos, vive en Ikati (Nixéria) e quere ser profesora, pero o pai decide casala cun home que lle vai dar diñeiro a cambio.

"Se eu casar com o Morufu, cê vai tá jogano meu futuro no lixo. Eu tenho uma cabeça boa, papai. Cê sabe disso, a professora sabe disso. Se eu consigo um jeito de ir pra escola, posso te ajudar quando arrumar um bom emprego. Não tô pensano em voltar pra escola e ser a mais velha da classe, eu sei que posso aprender as coisa rápido. Aí termino meu estudo, viro professora e depois junto o dinheiro do salário todo mês pra construir uma casa pra você, compro um carro bom, um Benz preto.

O papai funga, limpa o nariz.

Não tem dinheiro pra comida, sem falar os trinta mil naira do aluguel comunitário. O que que ser professora vai te dar? Nada. Só vai te dar uma cabeça teimosa. E a língua afiada, porque a que cê tem não chega, né? Quer ser que nem a Tola?"1

Adunni é obrigada a casar con Morufu, convértese na terceira esposa e espérase dela que paira un neno. Este casamento non só a obriga a abandonar a vida que coñece, toda a rede social que a sustenta, senón que converte a súa vida en torturas, violacións e agresións continuadas. E, no medio de toda esta dor, a sororidade achega unha luz de esperanza. Son elas, as mulleres, as compañeiras, as súas iguais, quen entenden polo que está a pasar e se unen para combater as violencias. Así, Adunni consegue comprender por que Labake, a primeira esposa, ten tanta rabia no corpo e non é unha tola como afirma o home. A súa filla, Kike, ten o mesmo tempo que a protagonista e un soño que non poderá cumprir:

– Porque eu penso nisso, Adunni. Todos homem da nossa aldeia é permitido que eles aprende na escola e trabalha, mas a gente, as menina, eles vai casar com a gente a partir dos catorze ano. Eu sei que posso ser uma boa alfaiate. Sei desenhar muito, muito bem.2

Ao longo de toda a novela, as mulleres que aparecen son cómplices, inspiradoras e referentes. Así, Khadiya, a segunda esposa de Morufu, é un apoio constante e "Meu coração está derreteno enquanto olho em volta dela, pro espírito gentil nos seus olho"3, a nai sempre a animou a estudar, Iya acúdelle, e sálvalle a vida, cando ten que fuxir a Lagos, incluso a Tia Dada chega a poñer os seus zapatos. Ela le a redacción que ten que escribir para poder optar a unha bolsa de estudo.

– Ontem eu senti o gosto do seu normal– ela diz, pegando minha mão.

– Meu normal? Que gosto que tem?

– Eu li a sua redação, Adunni. Você já passou por isso tantas vezes, tantas, e ainda assim você sempre tem um sorriso, seu jeito atrevido, você sempre tem um maldito sorriso no rosto. Quando fui açoitada naquela igreja, senti uma fração de...– ela solta minha mão, pegando ar pra se escorar antes de pegar minha mão de novo– Eu senti uma fração do que você teve de suportar por meses. Provei um pouco do seu normal, Adunni, e devo dizer: você é a garota mais corajosa do mundo. E toda essa merda acontecendo comigo, isso não é nada comparado ao que você passou4

A Tia Dada é unha personaxe realmente interesante nesta novela porque lle vai dar o contrapunto a Adunni e provocar unha serie de reflexións ben necesarias. Se a protagonista desenvolve desde as primeiras páxinas un claro interese en formarse para ser mestra, a ocasión vaiselle presentar en Lagos e a Tia Dada será unha das facilitadoras. Pero antes de chegar a este punto, Adunni aínda vivirá momentos tráxicos que a levan a fuxir do seu casamento, entrar nunha rede de tráfico de persoas e traballar como empregada doméstica de Big Madam e Big Daddy.

De que jeito que o Morufu e o Big Daddy é diferente um do outro? Um pode falar bom inglês e o outro não fala bom inglês, mas os dois têm a mesma doença mental terrível. Uma doença que não tem cura"5

Daquela, vai ser que esa doenza que é o patriarcado e a violencia de xénero non depende nin da formación nin da lingua usada... E, para sorpresa de ninguén, son as mulleres as que reciben as consecuencias desta "doença" tanto se son ricas, como Big Madam, como se son pobres como Adunni ou Rebeca porque a educación e a formación non son sinónimos de non agresividade. Pero, esta reflexión, ancorada no pé do inglés, da lingua e, polo tanto, do acceso ao saber sementa unha das grandes preguntas desta novela: Quen toma a palabra? Quen conta o relato?

Desde o inicio, Adunni sinala que quere formarse para ter unha "palavra alta", "inchar a minha cabeça e a minha mente com livros e educação" e "quero continuar ensinano as crianças da aldeia. Pra dar pra elas uma vida melhor"6, pero, tal e como sinalou Sueli Carneiro (Carneiro, 2023), a discriminación, a indixencia cultural, o acceso á educación, a carencia de materiais ou a posta en valor do propio condicionan as xerarquías de poder, do saber e do ser así como de quen é suxeito enunciador. E Abi Daré coloca de maneira maxistral todos estes elementos na novela desde a perspectiva de Adunni, unha moza de catorce anos que fala ioruba e quere aprender inglés xa que "Tenho vontade de ser professora desdos dois ano."7 A vontade vai ser o motor desta historia, pero ten que revirar unha sociedade que non lle permite acceder á escolarización se non é pagando a taxa escolar, que obriga as rapazas a casar e ter descendencia, que non ten acceso a libros ou fontes de información, que recibe as violencias ou que traballa en postos escravizados e/ou dependentes da trata de persoas. Entón como saír desa racialización que destroza a xente e promove unha xerarquización clasista? Pois, Adunni vai procurar a estratexia do coñecemento desde a lectura do dicionario Collins e do Livro dos fatos da Nixéria aos que pode acceder, de maneira clandestina, na casa de Big Madam(en que traballa de empregada doméstica) e desde a observación da realidade que a rodea. Desta maneira, reflexiona sobre o uso de cremas branqueadoras da Big Madam, sobre o feito de que os fillos da empregadora estuden e vivan no Reino Unido, sobre as clases traballadoras e a diferenza coas que ostentan o poder e organizan "festas" para acougar a súa conciencia ou, incluso, sobre o uso das diferentes linguas.

– Eu sou Kofi– ele diz, apontano um dedo pequeno pra escrita no seu pano– O chef. O chef muitíssimo estudado. Se você está aqui para trabalar, venha comigo. 

Por que que ele tá falano que nem se a língua dele tem um problema? Falano "trabalar” em vez de “trabalhar"?

– ⁠Por que que cê tá falano desse jeito?– pergunto, olhano ele de perto– Cê é da Nigéria? 

– Eu sou de Gana– ele diz, virano pra mim. – Moro na Nigéria há vinte anos, mas meu sotaque é teimoso.

Cê sofreu um ataque teimoso?– pergunto enquanto sigo ele pra dentro, sentino pena. –Quando que isso aconteceu? Ele atingiu sua boca? Tomara que ninguém morreu. Morreu?8

A autora recolle as tensións desta modernidade colonial que crea os mecanismos para que as persoas racializadas, situadas en posicións de inferioridade, anceien "branquearse", soñen con participar das estruturas de opresión oudescribirse a través dun aparato discursivo alleo completamente. Así, Adunni vai lendo no dicionario Collins a definición de moitas palabras que non recollen os elementos que a constrúen e nin tan sequera fan dela, ou de quen usa o inglés- e, polo tanto, ocupa o poder-, unha persoa máis lista.

Agora eu sei que falar inglês bem não significa que a mente é inteligente e o cérebro afiado. O inglês é só uma língua, que nem o iorubá, o igbo e o hauçá. Nada disso é tão especial, nada disso faz uma pessoa saber coisas9

Na Nixéria hai máis de 510 linguas vivas e conviven tres familias lingüísticas: a do Níxer-Congo (ioruba, quimbundo e igbo, por exemplo); a afroasiática (o hausa) e a Nilo-sahariana (o kauni, entre outros). Estas son as usadas pola maioría da poboación na Nixéria xunto co "broken english"( pidgin nixeriano), mentres que na educación, nos ámbitos políticos, xudiciais, etc, emprégase o inglés (lingua oficial desde a colonización inglesa). Esta diversidade lingüística atravesa toda a narración desde as personaxes migrantes, desde aquelas que negan as súas orixes no proceso de "branqueamento", desde aquelas que foron forzadas a estudar no exterior e perden a posibilidade de coñecer a lingua de transmisión da súa familia (a Tia Dada, por exemplo, estudou no estranxeiro e non sabe falar ioruba e, por iso, pídelle a Adunni que a acompañe ao mercado) ou desde o mesmo proceso de creación da escrita. Si, esta é unha decisión moi meditada da autora e unha escolla consciente: " I came up with in terms of nonstandard English because there’s something called broken English, and there’s something called pidgin English, which some people are familiar with. But Adunni doing doesn’t speak either. She really invents some of her words, and she borrows from pidgin English and borrows from broken English to create this, what I call nonstandard English. So it’s basically a way of speaking English in Adunni’s way."10 Así, no texto rexístranse palabras en ioruba, hausa, pidgin nixeriano, igbo, árabe, inglés, xíria nixeriana ou twi11 para definir elementos do cotián (comida, roupa, saúdos, etc) ou formas de entender o mundo. Tal e como afirma a autora na entrevista anterior, Adunni vai construír a súa propia linguaxe dependendo do contexto e vai cambiando segundo ela ten acceso aos recursos( escola, libros, etc).

Eu não sei muito dessa coisa de espeque-tativa e comuni-cassão, então fico com minhas palavras pra mim.12

Xa que logo, as palabras constrúen realidades e, aquí, vén a segunda gran cuestión desta novela: Que se escolle traducir?

A edición usada nesta recensión é a da editora Verus, do Brasil, e a tradutora é Nina Rizzi. Vaia por diante que a escolla tradutora pola que apostaron paréceme brillante e enriquecedora. 

Nesta novela non se traducen lexemas, non, tradúcese a palavra que "tem o valor mítico que firma uma territorialidade linguística, guardando força étnica, marcas sociais, memória coletiva. Romper com a palavra é romper com o povo que se junta por meio dela. A palavra evoca o significado da vida para um povo; ela é domínio de um lugar. O olho da palavra percorre a terra, alcança e define seus limites, transformando-a em território. Por isso, quando o lugar é violado, é aviltado, a palavra também o é. Mais ainda, o sagrado que há na terra é igualmente violentado, porque a cosmologia que o informa – que tem a palavra como caminho – é tocada sem pudor. Por isso que o português é língua violenta, porque emudece as línguas negras e indígenas ou os toma por latim, esquecendo-os, imitando-os, como se os tivesse inventado ou descoberto (a neurose de invasor é achar-se descobridor). A língua portuguesa, assim como o branco português, esconde seus hifens, apodera-se, sem hífen, da invenção, e mascara a sua negritude (como o branco português mascara o mouro). Perdendo a história da palavra, ela torna-se assombrada, como que de alma presa. A alma da palavra, escravizada, guarda um silêncio agonizante. Desaparece do mundo e volta ‘português’. Poder puro, domínio puro. Porque havia outras palavras e havia outra língua na palavra. Palavra de (em) português é ausência da palavra das mais velhas negras"13

Ora ben, se os procesos de colonización levan cara ao silencio, perden "a história da palavra" e asasínanas, como é que podemos trasladar as violencias nunha lingua colonial como é o portugués no exercicio da tradución?14

Pois nesta edición escóllese manter "os erros do português" (Nascimento, 2023) que non buscan a asimilación das persoas na cultura dominante nin branquealas. Rompe, desta maneira, con este racismo epistémico que "cria um vínculo eterno de mediação branca, que temos visto em tantos projetos editoriais."15 Así, na tradución desta novela elíxese incorporar as influencias de linguas como o quimbundo (da mesma familia lingüística que o ioruba) no portugués:

  • Desviacións da norma( aférese, síncopa, apócope, prótese, epéntese,...) como "adimitir"; "adevogada"; "prum"; "praquelas"; "desdos"; etc

  • Non marcar o plural no substantivo ("as menina"; "as casa")

  • A dupla negación ("não quero não"; não sei não")

  • Omitir a consonante final das palabras ("vidro de se vê")

  • Substitución do você por cê (neste caso Adunni usa sempre o cê e Tia Dada o você): "quando cê nascer um novo bebê"

  • Non concordancia nominal e verbal: "que nós usa de pia"(p. 33)

  • Uso da retranca: 

    – Aquele é o fogão de querosene– ela diz, apontano pro fogão de ferro no canto esquerdo da cozinha, falano alto por causa do barulho da chuva– Pra fazer comida– ela diz, será que alguém vai usar un fogão de querosene pra fazer un carro.–

  • A marca dunha acción que está a acontecer, xerundio, faise co auxiliar como, por exemplo, "A chuva tá caino". Ademais, na linguas bantús a combinación de secuencias complexas de consonantes son raras. De aí que a síncopa elimine o grupo -ndo- e dea lugar a formas como correno, falano, caino, etc

"O solipsismo branco que consolidou a política de branqueamento do português, excluiu do repertório de compreensão de muita gente formada aspectos que são necessários à compreensão do que vem sendo denunciado como violência e sequer é percebido nesses termos."(Pires, T. e Gill, A., pág. 12). Polo tanto, a escolla consciente do pretuguês16, desas formas consideradas fóra da norma e que se afastan da unificación europeizante reflicten as múltiples violencias e "quebra o silêncio, abre uma fenda na língua. Melhor, abre um buraco enorme na língua.(...)Pretuguês é a memória inventada da palavra."17 Desta forma, cuestiona as desigualdades interseccionais (xénero, raza, e clase) e re-estrutura o concepto colonizador de quen pode nomear os saberes do Outro ou quen e como se producen as teorías asentadas nas violencias e nas invasións. É a palabra, por tanto, o recuncho da memoria xa que no pretuguês falado polas mulleres mantéñense as prácticas comunitarias e o resistir da terra que non cabe nesa "linguaxe branca". E aquí, neste punto, o labor de Nina Rizzi, a tradutora da obra, é espectacular xa que non é só que se manteña a palabra ou a estrutura lingüística senón que nas notas a rodapé lévanos a unha comprensión que desestabiliza as prácticas coloniais e racistas.

akara

* Palavra iorubá que significa "bola de fogo". O akara dos iorubás da África Occidental( Togo, Benim, Nigéria, Camarões) corresponde ao acarajé brasileiro e foi trazido ao Brasil pelas pessoas escravizadas durante o comércio atlântico de pessoas. Na Nigéria, é uma comida de rua muito comum, servida com pimenta em pó ou molho de tomate picante. (N.da T.)18

Agradécense estas notas sobre a formación de palabras, sobre a orixe de elementos que consideramos "nacionais" ou propios de latitudes branqueadas ou, incluso, puntualizacións sobre personaxes históricas porque non só aclaran referencias xeopolíticas senón que poñen en valor estratexias críticas que desmontan a colonialidade e as xerarquías eurocentradas. Así, non se fai unha simple tradución cargada de "ollada branca" senón que se contextualiza e detalla tanto institucións de seu como elementos do cotián propio. Esta non tradución literal a expresións portuguesas ou brasileiras respecta a alteridade da Outra e "obriga" a entrar no contexto, a mover a mirada branca cara o sur global, cara a Nixéria. Ademais, o labor de tradución non só presta atención á non domesticación da linguaxe senón que, tamén, evolúe coa protagonista segundo vai aprendendo novas palabras ou conceptos. A lingua cambia con Adunni e aí aparecen todos os elementos de discriminación que se entrecruzan e, así, esta linguaxe transfórmase nunha potencia decolonial que denuncia o patriarcado, o colonialismo, o racismo, a explotación laboral ou a violencia desde a dignidade e desde o non borrar a voz de Adunni no colonialismo lingüístico occidental

A garota que não se calou é unha novela sobre o poder emancipador da palabra en que as estratexias de tradución decolonial respectan a linguaxe viva da protagonista. Polo tanto, a lectura desafía o canon eurocéntrico e recórdanos que a verdadeira descolonización comeza sempre por non borrar a voz de quen escribe a súa propia historia para que, entón, o silencio deixe de ser unha opción.

– Não é a historia dos homens. A minha própia história vai chamar a história de uma mulher. A história da Adunni.19


1Daré, A.(2021), páx. 31

2idem, páx. 75

3idem, páx. 62 

4páx.304

5páx. 236

6páx. 75

7ibidem

8páx.137

9páx. 321

10Dare, Abi (2020)

11O ioruba é a lingua usada, aproximadamente, por 30 millóns de persoas, o hausa por 86, o pidgin por 120, o igbo por 60 ou o twi por 14 millóns. Ademais,fóra destas familias lingüísticas, o árabe é usado por 300 millóns de persoas e o inglés por 400 millóns de persoas nativas (sen contar as que teñen o idioma como segunda lingua).

12Daré, A. (2021),pág. 136


13Gigivi( 2024) pág 13

14Aínda que a colonización inglesa e portuguesa teñen diferenzas claras nos procesos non é este o lugar (por extensión) para realizar esta definición. Pódese consultar nos múltiplos estudos de feminismo e/ou lingüística decolonial.

15 Nascimento ( 2023), pág. 9338

16Pretugués: concepto acuñado pola activista Lélia González para definir a influencia e marca da linguaxe e da cultura africana (especialmente das linguas bantús) na construción do portugués do Brasil.

17Givigi(2024), páx. 13.

18Daré, A(2021), páx. 106.

19Daré, A. (2021), pág. 308


Bibliografía:


- Abreu, M. S. de. (2025). Pretuguês, interseccionalidade e agência político-cultural das mulheres negras no Brasil. Revista Estudos Feministas, 33(2). https://doi.org/10.1590/1806-9584-2025v33n2105667 

-CARNEIRO, Sueli. Dispositivo de racialidade: a construção do outro como não ser como fundamento do ser. Rio de Janeiro:Zahar, 2023. 

- Daré, A. (2020), entrevista feita por Kendra Winchestern in Abi Dare on Nigeria and daughterhood, Lithub.com, Retrieved 2020-07-07

- Daré, A. (2021) A garota que não se calou, Verus editora, Rio de Janeiro.

- Duarte, C. L. e Nunes,I. R., ed.,(2020) Escrevivência : a escrita de nós : reflexões sobre a obra de Conceição Evaristo,Rio de Janeiro : Mina Comunicação e Arte. (https://www.itausocial.org.br/wp-content/uploads/2021/04/Escrevivencia-A-Escrita-de-Nos-Conceicao-Evaristo.pdf)

-Gonzalez, L. (1988). A categoria político-cultural de amefricanidade. Tempo Brasileiro,(92/93), 69-82.(https://negrasoulblog.wordpress.com/wp-content/uploads/2016/04/a-categoria-polc3adtico-cultural-de-amefricanidade-lelia-gonzales1.pdf)

- Givigi, A. C. N. (2024). Se eu sei quem eu sou, sei que sou preta, ninguém nunca me toma a terra, porque a terra é negra: gênero pretuguês, branquitude e educação do campo.Revista Tempos e Espaços em Educação. (http://dx.doi.org/10.20952/revtee.v17i36.22359)

- Nascimento, G. ( 2023),  O pretugués de Carolina Maria de Jesus e o português de Regina Dalcastagne. Carta aberta à escritora Conceição Evaristo, Forum Lingüístico, Vol. 20, nº 3, págs. 9332-9341(https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9159406)

-Pires, T. e Gill, A. (2025), Contribuições metodológicas do direito em pretuguês para pesquisas feministas no Brasil,Revista Eletrônica Direito e Sociedade, v. 13, n. 2, Canoas.

-Tallei, J., & Souza, L. S. de. (2025). La lengua serpiente de Eliane Marques: el pretugués como núcleo de una literatura fronteriza en diálogo con el portuñol. Revista Criação & Crítica, 42, 99-115. https://doi.org/10.11606/issn.1984-1124.i42p99-115


venres, 3 de xullo de 2026

Montse Paz recomenda... La soledad de Sonia y Sunny de Kiran Desai

Kiran Desai válese de Sonia e Sunny para achegarnos a vida de dúas persoas que viaxan a Estados Unidos a estudar dende a India. Ambas proceden de familias moi occidentalizadas e as expectativas son moi altas. Porén, Sonia vaise sentir soa.

A través delas coñecemos as familias, os costumes, a alimentación, as relixións, as lecturas, a música, as traballadoras das casas...

Veremos como enfrontan a morte, a vergonza, os traumas, os malos tratos o acoso sexual, a independencia, as pantasmas e, sobre todo como as mulleres van gañando consciencia da súa situación e como tentan superala.

Por outra banda, están os homes controlados polas súas nais, sempre dependendo delas e sempre tentando fuxir, e o que dirán. Isto vai facer que as relacións que tenten establecer coas súas iguais sexan un fracaso.

Este libro fainos comprender as dificultades da migración aínda que sexa voluntaria, esa sensación de non pertencer a ningún dos dous mundos, a necesidade de ter que lembrar de novo a que é a súa cultura orixinal. É unha obra moi ambiciosa e hai moitas maneiras de achegarse a ela. Hai quen dirá que é unha historia de amor, ou de desamor?

Kiran Desai,  Loneliness of Sonia and Sunny / La soledad de Sonia y Sunny, Ed. Hamish Hamilton (Penguin) 2025/ Salamandra (Penguin)2026

domingo, 28 de xuño de 2026

Antía Marante recomenda... el Meteorito de Amaia Arrazola

 


Amaia Arrazola, con debuxo e palabra escrita a man, rexistra a maternidade en tanto que tremor. Neste territorio inestable, de adaptación a unha nova realidade, Arrazola constrúe un diario xeneroso e atinadísimo onde comparte o que sente e reflexiona para ela, para todas as que vivan a experiencia despois e, tamén, para as que, quizais, no seu momento non revisaran o impacto dos seus propios meteoritos. Centrada na experiencia individual, El meteorito chega ás nosas mans, ademais, apelando á lectura en colectivo da experiencia para eliminar tabús, preconceptos e prexuízos. Grazas, Amaia, por toda esta luz.


martes, 16 de xuño de 2026

María Reimóndez estivo lendo... As humidades de Alba Tomé


    Remato esta novela cunha sensación de densidade innecesaria. Hai algo na forma (se cadra perderse nos detalles ou un algo de repetitivo) que resta a unha historia potente e suxestiva. No centro dela, unha nena que vai medrando nun contexto de violencia que é moito máis sutil do que pode semellar. Na pugna cun pai manipulador, o invisible toma centralidade e o apoio dunha cultura ancestral representada por señora Azucena abre portas insólitas a xeitos de resistir e facer fronte a situacións das que, non debemos esquecelo, as crianzas non teñen opción de escapar. Mais a protagonista atopa a súa vía nas pequenas vinganzas e na fortaleza mental de saberse ela tamén suxeito nunha oposición ao poder do pai que ten máis lecturas ca as evidentes. Unha primeira novela prometedora.

martes, 9 de xuño de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Coralia e Maruxa de Cari Ca


A historia e a vida das irmás Fandiño Ricart non é bonita de contar e non hai romanticismo ningún na dor que os seus corpos marcaron entre cicatrices, pero si hai dignidade, respecto e, sobre todo, elas son referentes para as mulleres libres.


Coralia e Maruxa danlle cor a unha época murcha e triste e subverten o poder represivo en nome do querer. 

Estas cores vivan percorren este album ilustrado e manteñen o espírito das irmás Fandiño a quen a ditadura non as convenceu para deixar de procurar un mundo en que governen a paz e a xustiza.


Os textos breves e dinámicos e as ilustracións cheas de simbolismo van desabar nunhas últimas páxinas que completan, de maneira máis narrativa, as historia das protagonistas así como a do seu contexto máis próximo.

xoves, 4 de xuño de 2026

María Reimóndez recomenda... Analogical Warriors Imperialismos

  

Un novo monográfico de Pikara totalmente pertinente para entender o tempo presente. Dende unha análise do tecnofeudalismo ata unha breve historia colonial de Grenlandia, esta escolma recolle artigos imprescindibles para outro mundo posible.

domingo, 31 de maio de 2026

María Reimóndez estivo lendo... Cando sexades pequenos de Uxue Alberdi


 
    Que libro tan creativo e simpático! Nesta inversión de papeis, a cativada reflexiona sobre a vida adulta e as súas normas incomprensibles. Dende unha voz cálida, Alberdi atopa o humor e o desexo que todas deberiamos ter de sermos pequenas de novo.

venres, 29 de maio de 2026

Eli Ríos recomenda... Begoñísima de Andrea Nunes e Agustina Shuan


 Esta achega a historia de Begoña Caamaño non é unha biografía inzada de datos, non... É un texto cheo de moito querer e amizade e de vida. Nel abrollan como raíces rexas os elos das amigas, das mestras, das que acompañan. Así, sabemos, entre outras, de María Xosé Queizán, de Ana Romaní, Uxía Senlle e, tamén, dos colectivos e asociacións que erguen a voz contra as violencias.
As ilustracións de Agustina Shuan acompañan marabillosamente o texto de A. Nunes e as cores enchen de luminosidade cada páxina e deixan un sorriso pousado en quen le. Así que recomendadísima esta obra para quen queira achegarse ás reflexións de B. Caamaño e ás súas obras na voz das amigas.

xoves, 21 de maio de 2026

María Reimóndez recomenda... La muerte ajena de Claudia Piñeiro


    Tres novelas nunha. Tres visións dunha "caída". Piñeiro percorre nesta novela temas tan fundamentais como a apropiación da voz, as fendas familiares e entra nun debate complexo sobre a prostitución. Sen portas pechadas e co seu estilo áxil que atrapa, Piñeiro é sempre un acerto.

 

venres, 15 de maio de 2026

Manifesto. Begoña Caamaño XIII Nosa Señora das Letras. 2026



                                   Das que miran cara atrás para mirar cara adiante

Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante.

Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada.

Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión.

Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única.

Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades.

Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. 

Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.