Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de agosto de 2025

O que non queremos escoitar por Nuria Vilán

Entrevista a Sara Guerrero no Zig Zag Diario o 13/11/2024.



                                                Postais da fotógrafa Rebeca Cambeiro (@poloreghocomaomineral)


Se hai algo que me reconforta especialmente na escrita —o meu alumnado de creación literaria pode dar boa fe— é o recurso da personificación, da prosopopeia... Así que Sara Guerrero tiña, en parte, o meu corazón xa gañado co título da novela antes incluso de lela.


Á marxe desta parvada contextual dos meus gustos, eu non era seguidora do blog Rehabitar o rural que a autora publicaba periodicamente en O Salto Diario, non coñecía nada da obra de Guerrero, do seu contexto, da súa vontade interdisciplinar, nada, antes de chegar a esta obra. Puiden intuíla na cursiva que abre Eu son o monte como un guión fílmico ou unha acotación teatral, puiden recoñecer o desexo de converter as palabras nunha cámara que documenta sen intervir, máis ben na cámara de alguén que grava o making of, o como se fixo do documental e decide amosarnos o fóra de campo, as olladas pouco amábeis, o que acontece ao retirar os focos e quedar na soidade dun plató imaxinado.


Supoño que esta é a lectura que necesito facer, o lugar ao que me leva a miña mente é o de imaxinar afacerse a un espazo aséptico e frío para enchelo, paseniño, de vivencias acolledoras. Todo o que eu poida dicir, como persoa branca europea, sobre Eu son o monte, resúltame anecdótico. Síntome sobrecualificada para a pobreza, enuncia a voz narradora. Atraveso as páxinas e o relato devólveme conceptos: privilexio, distancia, branquitude, racismo, dignidade, pobreza, clase, caridade... Hai palabras que non aparecen así escritas no texto, pero que a miña experiencia nomea sen dubidar: fraxilidade branca.


Hai unhas semanas os nazis pasearon impunemente por Torre Pacheco, en Murcia; vivimos nun intre no que non podemos negar nin ocultar o racismo do Estado Español: a islamofobia, a negrofobia, a xitanofobia. Para min, non ten sentido falar desta novela sen expoñer a incomodidade de recoñecerme no costume do racismo aprendido. De que serve un carné no medio da montaña? Non digo que non teño papeis. Ninguén polo de agora dixo que tiña dereitos. É doado sinalar a violencia dos outros, o complexo é facer o exercicio de traela ao propio, de asumir que tamén somos nós quen necesitamos colocar un marco que separe o de aquí e o de fóra. O texto avanza e afonda nas olladas, no silenzo como arma, como castigo, nas múltipes e sutís —ou non tan sutís— formas de marcar distancia... Quen vén de fóra gústanos, até que deixa de comportarse como esperamos e nese intre aproveitamos para recordarlles que este territorio é máis noso ca seu. Esforzámonos en lembrarlles que están aquí de prestado.


Que sutil.

Ser vistos.

Outorgar.

A sensación

de dignidade.


Esta novela non afonda tan só no proceso migratorio e as dificultades que atravesa calquera persoa ao entrar en territorio español, senón que disecciona diferentes conceptos: familia, ocio no rural, relación cos animais, vínculos co territorio e coa lingua, precariedade, a escrita como oficio... 


Véxome reflectide en moitas das pasaxes que crea Sara Guerrero e no seu xeito de interpretar a relación corpo-paisaxe. No meu Simún, escribo sobre o paso do tempo e a memoria nunha casa familiar, describo nun poema que a ferruxe comerá as ferramentas e esqueceremos o lugar onde habitaron os animais, o espazo da horta, os nomes... Encóntrome nese paralelismo que traza a autora entre a voz narradora e o propio monte. Entre a casa, unha casa viva, e o corpo que se esforza por afastarse da morte. Personifica a casa e casifica a persoa. E unha idea, unha sensación, coa que me gusta traballar nas performances e nos poemas.


Ao longo da novela hai un trásito do individual ao colectivo; abandónase o eu particular para identificarse con todo o que arrodea, a voz narradora asúmese como parte do territorio e da lingua, enúnciase como un elemento máis da paisaxe, faise dona do espazo que a somete. 


Agora é a casa a que se perde detrás da curva. O seu renxer terá sempre o ton da miña voz. Desaparece entre os eucaliptos, pero atópoa debaixo da pel, habitando nas paredes do meu corpo.


Outro dos eixos sobre os que se articula a novela é a lingua, concretamente o uso do galego. Achega unha visión incómoda para as galegofalantes; negar isto sería absurdo. Por unha banda, aparece o desexo (ou máis ben necesidade) de aprendelo, pola outra, o recordatorio de que é algo alleo. Hai un vínculo distante que se reforza tamén na actitude da contorna.


Aprendo rapidamente a súa lingua. Aínda que me falan en español, os xestos sempre se suavizan cando lles contesto coas súas palabras que, de tan lixeiras, parece que se me escapan como nubes dos beizos.


Ao chegar falo na súa lingua pero a muller da recepción non me entende e pídeme que lle fale en castelán.


Esa idea de lingua descoñecida esténdese máis alá, até interpelar a propia paisaxe, a casa... O lugar no que agora habitan. O terreo engóleme e engáname. Non falo a súa lingua, non entendo a súa lóxica.


Neste contexto abafante, hai varios elementos que xorden como áncoras coas que amarrarse á realidade. Entre eles a escrita e os vínculos coa veciñanza. A escrita aparece como oficio e como dignidade; aquí tamén me resulta moi interesante ese Non menciono que non son periodista, a porta aberta a debater sobre a titulite, por exemplo. Os vínculos coas veciñas van e veñen, e con eles observamos as súas consecuencias; aínda que o texto non faga xuízos, como lectoras si podemos reflexionar e observar canto mellora a realidade das personaxes cos saúdos, os cafés, a compaña, a rutina... Os vínculos, a rede do tipo que sexa, salva vidas ou, cando menos, mellóraas. Aquí non hai unha familia nuclear, senón un colectivo coa capacidade de ser cruel ou acolledor. Cada unha sostén a soidade da outra. Memo, o gato, compórtase, literalmente, como unha ponte entre dous mundos. A morte, o dó, a soidade e o abandono roldan de forma incómoda a narración. Están por todos lados e loitan tamén polo seu espazo na propia casa. Sara Guerrero fai visíbel na novela as múltiples e complexas capas da realidade.


En resumo, Eu son o monte, camiña no limiar e move lixeiramente os marcos da nosa percepción; ofrécenos unha ollada pouco edulcorada da migración e do rural, ábrenos a posibilidade de repensar os costumes e de revisar a nosa ollada colonial e privilexiada.


Eu son o monte, Sara Guerrero (Ed. Euseino?, 2024).

Nuria Vilán Prado



mércores, 6 de agosto de 2025

O vínculo da raizame de Sara Guerrero por Eli Ríos


Hai uns días, nunha visita ao Castro de Elviña, Aurora, a arqueóloga, fíxonos reflexionar sobre cales serán os obxectos que contarán a nosa historia cando alguén do futuro intente reconstruír o noso presente? E son esas coas que comeza a perfomance teatral Raigame de Sara Guerrero1.   Esas mesmas cousas que nos van construír ao longo deste ensaio escénico colectivo arredor da memoria e das nosas raíces.

( A artista senta nun lugar central dunha mesa situada en calquera espazo)

                                                Fotografía de Vanessa Rábade para FIOT

(O público achégase a unha mesa chea de obxectos de diario nunha casa)

Unhas chaves, un prato, unha caixiña, un libro, unha fotografía vella, unha botella, etc, non só van ser parte do escenario senón que nos van marcar, ao longo de toda a obra, a narrativa tanto nos tempos como na caracterización. Así, comezamos nun in media res en que xa os obxectos están dispostos na mesa e "contan" un relato de casa ou fogar. Estes van ser o centro da performance e tecerán todos os relatos familiares e as súas relacións cos espazos para construír unha identidade. De quen? Da creadora ou a nosa propia? Pois colectiva porque aínda que "o barrio conta a miña vida", é a nós a quen nos interpela directamente sen ningún tipo de artificios e, ademais, somos quen nos recoñecemos na toponimia dos lugares en que acontecen os feitos. Somos nós quen sentimos na pel esas historias que xa coñecemos de vello porque a tradición oral tamén ten un espazo central neste raizame. E somos nós porque tampouco nos importa moito a verdade xa que sabemos perfectamente como funcionan este tipo de fábulas: "Eu non podo facerme responsable da veracidade do meu relato" . Lembrar de memoria é o que ten: tanto pode ser ela a que chora entre as sombras do parque como calquera de nós mesmas.

"A relación que temos cos espazos define o noso xeito de estar no mundo"


Nós habitamos os lugares, pero estes tamén nos habitan e dannos a vida. E pregúntase cales son os sitios en que celebramos ou aquel que describe a nosa vida. Directamente. Sen intermediarias. A historia cambia de dirección.


( A artista sae da escena. Regresa e trae unha caixa de cartón. Comeza a meter os obxectos dentro)


Sen panos quentes interpélanos a boca de cano e espétanos na medula a incomodidade:

  • E se te expulsan deses lugares que gardan a memoria coas promesas dun outro espazo idealizado? 
  • Ou que acontece cando os sitios que nos definen non compoñen a quen migra?

Marchar. Deixar atrás. Romper vínculos. Chegar. A onde?


(A metade da mesa xa está baleira)


Entón, o monólogo de autoficción consegue que nos metamos dentro desas falas familiares como morriña ou desarraigamento. 

Na terra da emigración presentimos que en ningunha circunstancia é fácil migrar, pero, tamén, nos doe sabernos as destinatarias das palabras que describen esta nosa sociedade inventora de novas categorías excluíntes porque quen marcha tamén arriba a algún destino. E a artista vainos remexer e colocarnos diante as imaxes. Gústanos, por acaso,ese nós que se espella na outredade?


(Na mesa quedan só un par de obxectos)


A ficción parte. Trónzase. O relato non se acompaña de elementos que establezan un vínculo co fogar, coa casa. Só resta unha lingua aprendida, cun novo sotaque que revela a orixe foránea da intérprete, coa que expresar o medo de regresar a un lugar que medra alleo a quen migra, a rabia dun espazo que se arela habitar, pero que impón unha nova identidade e que rebautiza xente como "sen papeis".

" Imaxinar por un momento que somos veciñas, que medrei aquí"



(O único que sobrevive é a mesa.)



E pode que, ao final, escollamos levar connosco "a nosa casa onde queira que vaiamos". 

Ou non.


(Péchase a caixa)


Guerrero, S., Raigame, FIOT, 2021



1Sara Guerrero acadou, en 2021, o Premio á Mellor Interpretación no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo coa obra dramática Raigame.

2. Preme aquí para ver a representación desta performance no Forum da Coruña.

domingo, 27 de outubro de 2024

María Mariño e P. García Negro. Xinealoxías e referentes de noso por Eli Ríos

    

    María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo coordinado por María Pilar García Negro. E digo coordinado porque xa desde a “Nota inicial”, a autora pon en valor unha primeira persoa do plural: o NÓS de quen encomenda o traballo; o NÓS das axudas emprestadas e o NÓS de quen axunta, nos “Apéndices”, o textos autoriais. Estamos, por tanto, diante dunha obra cunha declaración de intencións cristalina: un achega á creación de María Mariño como parte dun proxecto colectivo en que “ a leitura da obra de María Mariño, como de toda a literatura galega, (per)dure máis aló do 17 de Maio, Día das Letras Galegas”1 Aínda que este colectivo debe manter a individualidade de cada quen, de aí o ronsel e seguir as pegadas, porque se de algo é consciente P. García Negro é da “necesaria individuación das escritoras”2. Recolle, a autora, neste punto unha extensa cita3 da crítica literaria Pilar Pallarés sobre o canon e a poesía escrita por mulleres. Nela clarifica como dentro do canon se masculiniza o universal e se universaliza o masculino.


Xoguemos ás hipóteses: ¿que plus de coñecemento tería a nosa autora se en lugar de María se chamase, por exemplo, Roberto (o nome do seu home)? ¿”Roberto Mariño” * ocuparía o lugar merecido naquela sincronía da literatura galega? 4

    Xa vimos noutras ocasións, nesta páxina web5, como rematar coa escrita das mulleres6 e é moi de agradecer que Pilar García Negro presente, na mesma liña, esta lúcida análise no caso mariñá, incluída a da escolla lingüística, para examinar os motivos e razóns do ostracismo da escritora María Mariño e dos que levaron á demora de 27 anos en publicar a súa obra.

    Esta primeira parte do estudo pon na mesa unha problemática documentada rigorosamente, e exemplificada ata a extenuación, e convídanos a reflexionar sobre o uso dos lugares comúns xa que se son verdadeiros teñen un gran valor, pero como sexan falsos son ben nocivos. Estes tópicos, que se aplican á escrita das mulleres, vai desmotalos, un a un, Pilar García Negro cunha documentación irrefutable. Así enuncia unha mostra representativa de autoras invisibilizadas que rebate o tópico de que hai poucas escritoras na literatura galega; recolle os textos do Padre Feixoo, a defensa dos dereitos das mulleres por Xoán Vicente Viqueira, entre outros, que desmonta o non interese pola produción das escritoras por parte dos homes; arromba coa “lóxica matrilineal” que sostén que todas somos fillas de Rosalía de Castro e non escritoras con características propias;etc

    Pilar García Negro debulla todos estes elementos para propoñer que nos acheguemos á

poesía de María Mariño lonxe das impresións androcéntricas e optar pola opción que a insere nunha tradición social e cultural que non unifica a escrita das mulleres como descendentes de Rosalía de Castro senón que “estima no que vale unha distintiva diacronía galega, dentro da cal a nosa autora brillou con luz propia e intransferíbel no combate contra a xinofobia e contra a galegofobia, abrindo un suco de valor incomensurábel para todas as colegas que alumou a posterioridade e que, inevitabelmente, viron e tiveron nela un antecedente lexitimador da súa propia dedicación. Unha muller abrira o camiño: outras podían tripalo con seguridade e confianza nas súas forzas.” 7 María Mariño, e as escritoras galegas en xeral, temos en Rosalía de Castro unha xinealoxía de noso, referentes propios, que gorece e ilumina o camiño individual de cada unha.

    Unha vez que a parte teórica xa se sitúa como marco, P. García Negro propón unha revisión das lecturas feitas sobre a obra poética de María Mariño xa que “se se consignan com méritos estilísticos ou achados de grande relevo transgresións, rupturas iluminadoras, en poetas homes coetáneos ou contemporáneos, tal mérito non se pode ralear na poesía da autora que nos ocupa”8. Como nos capítulos anteriores, García Negro argumenta, con exemplos e bases teóricas, a definición da creación da autora como poesía existencialista moi afastada do simple paisaxismo xa que a natureza corporeízase, asenta nas raíces da xenealoxía galega (Rosalía de Castro, Amado Carballo, Manuel María, etc) e acubilla a comunicación coa palabra escrita.

É poesía existencialista por antonomasia, como a que pioneiramente inaugurará o Manuel María de Advento (1954), o que acredita na literatura galega un alento criativo, orixinal (para os perpetuos contempladores do exterior, un estar à la page), que, máis unha vez, pede clamorosamente unha análise desde dentro da especificidade da propria literatura galega, non a reboque das literaturas institucionalizadas do centro do sistema.9



    Fai, tamén, García Negro unha revisión dos elementos que constitúen esta denominada ruptura formal, nas composicións 
mariñás, pola que Novoneyra lle atribuiu aquel “dinamiteira da fala” antes de pasar á escolma en que se recollen textos de Palabra no tempo (1963) e da obra póstuma Verba que comeza.


    Na última parte hai unha recolla de textos coetáneos á publicación das obras de María Mariño. Así, transcríbese o prólogo á edición orixinal de Palabra no tempo feito por Ramón Otero Pedrayo en 1960, un artigo de Manuel María publicado en El Progreso en 1963, un de Xosé Luís Méndez Ferrín de 1965 e outro de Uxío Novoneyra, xa de 1982 e publicado na Nosa Terra, en que a califica como “dinamiteira da fala” que é sabedora “de que a verdadeira esencia do noso idioma é a liberdade”10. Ademais, inclúense dous artigos que nos achegan, por unha parte, no de Carmen Blanco, publicado en 2006, unha “Elexía previa a María Mariño” composta por U. Novoneyra e, por outro, no escrito por Kathleen N. March, e publicado en 1989, unha reivindicación da escrita de María Mariño moito antes de que a RAG decida dedicarlle o Día das Letras Galegas.

    María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo feito por María Pilar García Negro que dá de beber ao colectivo. Somos moitas quen hai dezasete anos gozamos desta lectura e aprendemos un outro mirar que nos agasallaba moita paz no medio dunha celebración das Letras desacougante. Hoxe, na lectura de 2024, este estudo continúa a remoer as cabeciñas de quen le e iso si que é abraiante: 17 anos despois da súa escrita as reflexións case proféticas que aniñan nas súas páxinas son de plena actualidade. Toca, polo tanto, seguir sachando os camiños que antes abriron as compañeiras e que podemos tripar con seguridade e confiando nas nosas forzas grazas a elas.

García Negro, M. P., María Mariño no ronsel das escritoras galegas, Laiovento, 2007.



1En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 10

2Páx. 15

3Páx 16-17

4Páx. 18

5 http://www.asega-critica.net/2024/03/sermos-o-reverso-por-susana-s-arins.html?q=joanna+Russ

7En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 24

8Páx. 33

9Páx. 34

10Páx. 73