As
persoas que compartimos vida con animais, sabemos que recibimos
deles moito máis do que damos, que podemos ter máis complicidade
coa nosa cadela que con moitas persoas por moi achegadas que sexan.
E non podemos estar máis de acordo cunha frase da protagonista desta
historia – As persoas que mancan os animais son a peor xente do
mundo (páx.52)
A
autora, Eva Mejuto, neste pequeno gran libro de setenta e nove
páxinas, narra con habelencia esa relación que se establece entre
Xoana e o seu can, Neko. Protagonistas inxustas, xunto coa súa mai,
das consecuencias da violencia de xénero.
Neko é
o apoio, o desafogo e até o cómplice dun segredo doloroso, que na
súa compaña é máis doado de levar.
Papá
di que parezo unha toliña, todo o día a falar contigo, pero que lle
vou facer se es ti quen mellor me entende? (páx.10)
Malia ser un tema difícil de tratar para as crianzas, a autora é
quen de sacarnos o sorriso a través dos pensamentos, as conversas de
Xoana, as trasnadas de Neko, e mesmo ese bolso da xuíza, sen por iso
deixar de transmitir a incerteza, as dúbidas, a loita dos afectos e
os desafectos que, nestas idades, son tan difíciles de manexar pois
aínda non temos as ferramentas para facelo.
Segundo
vai avanzando a historia, as personaxes tecen redes de acompañamento
e cariño que fan máis doado que Xoana intente superar unha
circunstancia tan dura e inxusta. E esta mensaxe, transfórmase en
fundamental para entender que as redes só rachan cando non somos
quen de poñernos no lugar da outra, do seu sentir e do respecto a
liberdade de ser e estar no mundo.
Aínda
que o libro está pensado para lectoras e lectores a partir de dez
anos, non estaría de máis que o lesen persoas adultas,
especialmente as que traballan no eido da xustiza. A personaxe
encarnada pola xuíza reflicte a sutileza e a humanidade precisas
cando se traballa nun xulgado de violencia de xénero. A inutilidade
da burocracia fronte
a eficacia do escoitar.
Tampouco
esquece Eva Mejuto, a importancia de recoñecernos nas outras
persoas, malia que as circunstancias sexan diversas e, nese
recoñecernos vai esmorecendo a soidade.
Tiña
un aspecto moi... diferente, divertido. Eu nunca vira un neno coas
uñas pintadas de cores... (páx.60)
—Debías
pintalas ti tamén, axudan a ver a vida con outra luz, en serio. E a
quen non lle guste, que non mire! (páx.64)
O
tempo interno da historia transcorre nun día, pero a través da súa
lectura podemos imaxinar perfectamente os meses, os anos anteriores.
Cheos de incertezas, de emocións e sentimentos encontrados das
personaxes, cada unha delas desde o lugar que lle toca vivilos. A
autora sitúanos nese cuarto, nese xulgado, gris, frío; até nas
viaxes familiares que nalgún momento semellaron felices e cheas de
ilusión, pero que agora, con todo o que está a vivir Xoana,
adquiren outra perspectiva.
Por
iso, instintivamente, desde crianzas, procuramos refuxios ante o
incomprensible dunha dor innecesaria. A lectura, é a protagonista
silenciosa que axuda a Xoana para escapar dunha realidade que intúe
que non é boa, que algo non vai ben, pero tampouco sabe como
enfrontalo. Neste caso, serán os mangas, en especial unha colección,
ese lugar no que agocharse na procura do silencio. Pechando a porta
ao que non queres, nin debes escoitar.
Neko é
un libro necesario para as crianzas e para as persoas adultas. A
autora, Eva Mejuto, consegue que como lectoras reflexionemos, mais
sen sentirnos incómodas, ante unha historia na que o tema de fondo é
doloroso e sacándonos mais dun sorriso. Porque até nas peores
situacións, o humor pode ser unha apócema máxica se na súa
composición non faltan o afecto e a xenerosidade.
Eva Mejuto, Neko, Ed. OQUELEO. Obradoiro Santillana, 2021