Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Anne Sexton. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anne Sexton. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de outubro de 2014

Maléfica: uma niké de asas decepadas


Imaxe da película 'Maléfica'

Por Susana Sánchez Aríns

Quando li atentamente o Catálogo de velenos, de Marilar Aleixandre, descobri nele uma voz que se re(b)vela herdeira de uma estirpe de filhas envelenadas por mãos mutiladas, mãos de mães decepadas. Descobri a voz duma filha a perceber, tarde de mais, que olhou de maneira despiedada e injusta a mãe que a criou para a obediência, uma filha a perceber que uma mãe que lhe quis evitar a mutilação não podia ser tratada de bruxa, vilã ou madrasta. Não só.

Quando li o Catálogo de velenos, de Marilar Aleixandre, lamentei não ser ele um livro popular, um livro presente nas estantes de todas as casas, um livro manuseado nas mesas-de-noite de tantas adolescentes alcovas, um livro que reconciliasse a mães e filhas e lhes evitasse esse fatal encontro nas gélidas e árticas planícies, tarde de mais para reconhecerem-se como aliadas no espelho mágico da raínha.

Estas últimas reflexões reviveram não há muito na minha cabeça, acompanhadas de um traste sorriso, entanto visionava o filme Maléfica, de Robert Stromberg.

Não, não é um livro, não. Não, não é poesia, não. Não, não é galego, não. Mas na sala havia crianças que quiçás não saibam dos versos de Aleixandre, havia mães que quiçás não tenham poesia nas suas estantes e havia adolescentes que quiçás nunca leiam até um segundo antes de lhes desligar a luz. E todas elas, crianças, mulheres, moças, assistiram na escuridade ao encontro entre mães mutiladas e filhas decepadas, à aliança entre a vilã heroína e a esperta princesa, ao seu mútuo reconhecimento, espelhadas uma na outra, como vítimas propiciatórias da cobiça patriarcal. E sobre todo, crianças, mulheres e moças aprenderom na escuridade que por trás das altas vozes da tradição, igual paga a pena escuitar as vozes das gorjas silenciadas.

Não seremos nós a jurá-lo, mas semelha a roteirista do filme, Linda Woolverton, ter nas suas estantes o Catálogo de velenos, ou quem sabe, as Transformations, de Anne Sexton. A Maléfica é uma transformação da Malévola do filme, também disníaco, de 1959, e da velha fada sem nome do conto tradicional versionado por perraultes, grimmes e tchaikosques. Nessas histórias conhecemos a versão hegemónica, atribuíndo a Malévola o carácter da bruxa popular: velha, corcovada, manipuladora, praticante de mágia negra e de terrível gargalhada. Obra levada pola inveja e toda a comunidade, todo o reino, é vítima da sua maldade.

A Maléfica que constrói Linda Woolverton é uma mulher que foi nena, que confiou nos homens, que por um homem foi traída, violentada e amputada, que se deixou envelenar a seiva com a sede de vingança, que estendeu a raiva por toda a redonda e que lha fez pagar a uma menina, mulher também, castigando-a como ela foi punida. E constrói uma mulher que abre os olhos a tempo para luitar pola liberdade própria e pola da menina, pola superação da dor, do dano e a recuperação da dignidade.

Quer dizer, Maléfica exerce o seu poder de mágia negra, manipula ao seu antolho, dana a quem acredita necessário danar, mas podemos escuitar a sua versão da história: ela não era má, foi desenhada assim pola literatura deles. Na realidade, é uma mulher violentada, privada da sua identidade: uma niké de asas decepadas que renasce escura merlina, como saída das tebras de Excalibur. Não só vilã ou madrasta. Também não só heroína. Um algo mais.

Por isso gostei desta Maléfica blockbuster, que questiona o imaginário patriarcal desde comerciais écrans, acompanhada de coca-colas e flocos de milho.


Maléfica, dirigida por Robert Stromberg. Disney 2014.

martes, 13 de agosto de 2013

Performance, poesía e feminismo. Algúns apuntes sobre a obra de Xiana Arias

Foto: Xiana Arias
 
 
Por Lara Rozados

 A posta en escena de Xiana Arias revela a consciencia de xénero, e a vontade de “performar” a súa poesía desde formulacións feministas. Insérese así nunha tradición de poetas feministas que fan da súa corporalidade e vocalidade, da súa mise en èscene, a súa reivindicación. Como afirma Sue Ellen Case (2009: 106): “Máis alá da escrita, as prácticas corporais e as formas de autorrepresentación foron percibidas como codificadas: como unha viste, se o fai ou non desde o réxime da moda; como unha se move, camiña e xesticula, incluso como unha se sitúa no espazo social (proxemia) constituíu ou ben unha herdanza patriarcal, ou unha nova “conciencia” feminista”. Arias sitúase, logo, nesta consciencia feminista, na vez de reproducir a “herdanza” patriarcal que pesa sobre a nosa cultura.

Recoñécese debedora de autoras coma Adrienne Rich, poeta lesbiana e feminista falecida no ano 2012, da que toma certos textos para empregar como paratextos en Ortigas, e o emprego dunha linguaxe á procura do que ela chamou “the common language”. Volvendo a Sue Ellen Case, quen tamén lembra a Audre Lorde (“as palabras do amo nunca poderán destruír o campo do amo”), “Adrienne Rich introduciu na poesía The dream of a common language, mentres teorías críticas feministas debatían "The laugh of the Medusa”, de Hélène Cixous. Rich será unha influencia determinante para a escrita de Xiana Arias, así como outras que pesan sobre a súa forma de escribir e de “performar”. Velaí o manifesto W.I.T.C.H. (Women International Terrorist Conspiracy from Hell) e a utilización que fai del para o fanzine “Pelos e Cousas” número 2: nas páxinas 2 e 3 (o fanzine lese ao revés e comeza polo final) publica un fragmento do manifesto, e na outra cara, unha fotografía dela mesma vestida con atuendo de “bruxa” e sostendo un cartel que reza: “Opresores: a maldición das mulleres caeu sobre vós”.

Tamén recolle e dialoga con obras de Anne Sexton, Florbela Espanca ou María do Cebreiro, concretamente do libro nós, as inadaptadas, xa desde Ortigas, pero especialmente nunha sesión preparada para “Picaversos”. Eran estas unhas sesións poéticas no pub Modus Vivendi, de Compostela, en que varios poetas e artistas preparaban un recital arredor dun tema. Arias bautizou a súa, que tivo lugar o 24 de xaneiro do 2012, “80 anos despois de que mallasen a paus e asasinasen cun tiro a alfonso sixto – camareiro do manicomio de conxo – no camiño de cornes, actual avenida de vilagarcía (a 50 metros de onde naceu rosalía de castro), como “nós, as tolas”. Ademais de Anne Sexton, María do Cebreiro ou Florbela Espanca, dialoga tamén con Rebeca Baceiredo e o seu repeat to fade, coa Rosalía de Castro de El primer loco e con Ataque Escampe, que basearon a súa canción “Curtis Mayfield” en poemas de Acusación. Á parte de acudir de novo a Adrienne Rich, cuxo poema de Fenomenoloxía da ira inaugura a folla de ruta que empregou Xiana.

Outras referencias determinantes son as cinematográficas: velaí o peso da cineasta belga Chantal Akerman nun poema-intervención para o portal Vieiros con motivo do Día das Letras do 2009 (
http://www.youtube.com/watch?v=FZP_BNIDdms), en que se recolle: “Non podemos deixarlle decidir á bombona de butano cando estoupa a nosa vila”. Saute ma ville foi a primeira curtametraxe de Akerman, feita aos 17 anos e con fita roubada, cunha marcada vontade de documentar varios actos performativos na súa cociña: facer uns espaguetis ou botarlle betún ás botas (e despois ás pernas), para rematar finxindo a explosión da súa bombona de butano. 
 
 Agnès Varda é outra referencia indiscutible: o seu poema “Cleo de dez a doce”, no “artefacto” de apoio ao Cineclube de Compostela Pirata é un exemplo. Este poema fai unha crónica semellante á que a cineasta francesa realiza en Cléo de 5 à 7, nas dúas horas da vida dunha muller entre que lle anuncian unha seria enfermidade e obtén os resultados dunhas probas médicas. Tanto ela como Akerman son referentes dun cine experimental, innovador e cunha forte carga feminista.
 
En definitiva, a curiosidade e a vontade de estilo de Xiana Arias, a través do diálogo con outras autoras e da propia “posta en escena” da súa poesía, a través de influencias feministas, déixase sentir ao longo de toda a súa obra.
 
  
Bibliografía:
 
  • CASE, Sue Ellen (2009): Feminist and queer performance. Critical strategies. Nova York, Pal Grave MacMillan.
  • ARIAS REGO, Xiana (2007): Ortigas. A Coruña, Espiral Maior.
  • --- (2007): “Cleo de dez a doce”, en V.V.A.A.: Pirata. Artefacto de apoio co Cineclube de Compostela. Compostela, Cineclube de Compostela.
  • --- (2009): Acusación. Vigo, Galaxia.