Buscar neste blog

venres, 5 de decembro de 2025

Algúns interrogantes por María Reimóndez


Este texto, máis ca unha recensión sobre 
A vinganza de Paquiño Jackson de Alba Guzmán é máis ben unha reflexiónsobre a escrita dende a perspectiva de alguén que leva uns anos formando parte do sistema literario. Achegueime con moito interese e curiosidade a esta obra, porque penso que as persoas que imos tendo unha idade temos a obriga de ir lendo as que veñen detrás (e non necesariamente viceversa). É a nosa obriga coñecer e acompañar, abonar e ofrecer un espazo onde novas voces poidan agromar. Polo menos eu así entendo o meu papel en canto á escrita das mulleres, das persoas queer e das compañeiras racializadas.

Nesa escoita atenta das que veñen despois das escritoras da miña xeración sempre se me abren interrogantes. Esta obra abriume moitos, non tanto pola obra en si, senón polas circunstancias dun sistema literario que todas temos a obriga de transformar, porque cando escribimos estamos contribuíndo a unha conversa moito máis ampla: a conversa coas lectoras, é dicir, coa sociedade. Nese sentido, agroma a pregunta constante de que historias cómpre contar e cales non, a que contribuímos coas nosas tramas e mundos literarios. Contribuímos a reforzar a malla fina do sexismo, do androcentrismo e da mirada que deixa as mulleres e disidentes de xénero nun segundo plano ou creamos un espazo onde a multiplicidade da realidade humana se vexa reflectida con dignidade e xustiza? Seguimos tendo medo de que nos poñan a etiqueta de “literatura de mulleres” (ergo menor e irrelevante) cando poñemos unha (ou, mellor, varias, moitas) muller no centro do relato fronte a unha suposta experiencia universal contada na voz dun home?

Estas foron algunhas preguntas que me suscitou este A vinganza de Paquiño Jackson, sobre todo despois da obra anterior da mesma autora, Xoaniña de Deus. É innegable que A vinganza é unha obra moi ben escrita, cunha forte pulsión formal e unha moi lograda linguaxe. É lograda tamén a ambientación nus anos oitenta que a autora non viviu, pero a xente da miña idade si. A ferramenta do humor, as reviravoltas á hora de contar a historia tan típicas da oralidade, os ecos dunha Esmorga de fondo... todo son puntos moi positivos. Porén, cando interrogamos a que contribúe esta obra (e moitas outras, por suposto) á conversa social, a resposta quédame no aire.

É curioso que cando as feministas reclamamos que se poñan as voces das mulleres e disidentes de xénero no centro no primeiro plano fica sempre o social e de xustiza, como mencionaba antes. Pero para min hai aínda algo, se cadra, igual ou máis relevante: a pulsión formal. En canto lle damos a volta de xénero a unha historia o resultado é sempre unha trama sorprendente, unha linguaxe afouta e unha voz que, viva na sociedade, non se tocou literariamente. Que pasaría se a historia de Paquiño fose en realidade a de Rosa (a muller obxecto, ademais obxecto de cambio); que pasaría se a Esmorga a narrasen as mulleres violentadas que nela aparecen (un desafío fantástico para unha autora ourensá!)?

Está claro que Alba Guzmán domina o literario dunha maneira potente e fantástica e tamén está claro que non serei eu quen lle diga a unha autora o que escribir, porque abondo teñen tentado comigo iso as críticas prescritivistas e o sistema patriarcal machista. Cada autora é libre de decidir a que tecido social quere contribuír. Mais a min, como lectora e crítica, que as autoras novas volvan á visión masculina central non deixa de parecerme un certo fracaso colectivo, o fracaso de termos que recorrer unha e mil veces o mesmo camiño. Porque se ben é responsabilidade das maiores coñecer as que veñen detrás, tamén é importante que o noso traballo non se perda no camiño, simplemente, para non ter que seguirmos superando os mesmos obstáculos que cando saíu ao mundo Thriller.

Ningún comentario:

Publicar un comentario