Buscar neste blog

mércores, 6 de agosto de 2025

O vínculo da raizame de Sara Guerrero por Eli Ríos


Hai uns días, nunha visita ao Castro de Elviña, Aurora, a arqueóloga, fíxonos reflexionar sobre cales serán os obxectos que contarán a nosa historia cando alguén do futuro intente reconstruír o noso presente? E son esas coas que comeza a perfomance teatral Raigame de Sara Guerrero1.   Esas mesmas cousas que nos van construír ao longo deste ensaio escénico colectivo arredor da memoria e das nosas raíces.

( A artista senta nun lugar central dunha mesa situada en calquera espazo)

                                                Fotografía de Vanessa Rábade para FIOT

(O público achégase a unha mesa chea de obxectos de diario nunha casa)

Unhas chaves, un prato, unha caixiña, un libro, unha fotografía vella, unha botella, etc, non só van ser parte do escenario senón que nos van marcar, ao longo de toda a obra, a narrativa tanto nos tempos como na caracterización. Así, comezamos nun in media res en que xa os obxectos están dispostos na mesa e "contan" un relato de casa ou fogar. Estes van ser o centro da performance e tecerán todos os relatos familiares e as súas relacións cos espazos para construír unha identidade. De quen? Da creadora ou nosa propia? Pois colectiva porque aínda que "o barrio conta a miña vida", é a nós a quen nos interpela directamente sen ningún tipo de artificios e, ademais, somos quen nos recoñecemos na toponimia dos lugares en que acontecen os feitos. Somos nós quen sentimos na pel esas historias que xa coñecemos de vello porque a tradición oral tamén ten un espazo central neste raizame. E somos nós porque tampouco nos importa moito a verdade xa que sabemos perfectamente como funcionan este tipo de fábulas: "Eu non podo facerme responsable da veracidade do meu relato" . Lembrar de memoria é o que ten: tanto pode ser ela a que chora entre as sombras do parque como calquera de nós mesmas.

"A relación que temos cos espazos define o noso xeito de estar no mundo"


Nós habitamos os lugares, pero estes tamén nos habitan e dannos a vida. E pregúntase cales son os sitios en que celebramos ou aquel que describe a nosa vida. Directamente. Sen intermediarias. A historia cambia de dirección.


( A artista sae da escena. Regresa e trae unha caixa de cartón. Comeza a meter os obxectos dentro)


Sen panos quentes interpélanos a boca de cano e espétanos na medula a incomodidade:

  • E se te expulsan deses lugares que gardan a memoria coas promesas dun outro espazo idealizado? 
  • Ou que acontece cando os sitios que nos definen non compoñen a quen migra?

Marchar. Deixar atrás. Romper vínculos. Chegar. A onde?


(A metade da mesa xa está baleira)


Entón, o monólogo de autoficción consegue que nos metamos dentro desas falas familiares como morriña ou desarraigamento. 

Na terra da emigración presentimos que en ningunha circunstancia é fácil migrar, pero, tamén, nos doe sabernos as destinatarias das palabras que describen esta nosa sociedade inventora de novas categorías excluíntes porque quen marcha tamén arriba a algún destino. E a artista vainos remexer e colocarnos diante as imaxes. Gústanos, por acaso,ese nós que se espella na outredade?


(Na mesa quedan só un par de obxectos)


A ficción parte. Trónzase. O relato non se acompaña de elementos que establezan un vínculo co fogar, coa casa. Só resta unha lingua aprendida, cun novo sotaque que revela a orixe foránea da intérprete, coa que expresar o medo de regresar a un lugar que medra alleo a quen migra, a rabia dun espazo que se arela habitar, pero que impón unha nova identidade e que rebautiza xente como "sen papeis".

" Imaxinar por un momento que somos veciñas, que medrei aquí"



(O único que sobrevive é a mesa.)



E pode que, ao final, escollamos levar connosco "a nosa casa onde queira que vaiamos". 

Ou non.


(Péchase a caixa)


Guerrero, S., Raigame, FIOT, 2021



1Sara Guerrero acadou, en 2021, o Premio á Mellor Interpretación no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo coa obra dramática Raigame.

2. Preme aquí para ver a representación desta performance no Forum da Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario