Esta obra de Bel Olid, traducida por María Alonso Seisdedos, é un ensaio sobre as relacións sexoafectivas que nos propón desaprender todos aqueles prexuízos que a nosa sociedade e cultura nos foi achegando " Porque, se cadra, o primeiro que deberiamos aprender sobre o sexo é a desaprender. Desaprender o desexo que nos ensinaron que debiamos sentir, desaprender a vergoña. Esquecer os corpos que nos teñen que gustar por forza, esquecer as prácticas que se conciben como únicas posibles. Borrar da cabeza as imaxes da pornografía comercial, esquecer o papel que nos corresponde desempeñar.
E daquela, con outros ollos, mirar moi para dentro e preguntarnos que queremos, que nos gusta, que nos apetece descubrir. E mirar para fóra tamén. Mirar todo aquilo que temos diante, non eliminar nada por defecto" (páx. 14-15).
Desaprender para crear relacións máis humanas, máis afectuosas, pero para que isto sexa posible é necesario cuestionarse absolutamente todo. Isto é ao que nos convida esta obra dunha maneira amena, divertida e sen usar eufemismos. Cunha linguaxe clara, e sen dar voltas, a autora expón unha serie de análises e ferramentas feitas "con materiais atopados e probados en circunstancias persoais concretas, durante corenta anos, pouco ensaio e erro, e algúns acertos"(p. 15) e suxírenos a nosa propia procura porque non é "o único material nin a única ferramenta que vas atopar para desmontar tópicos e construíres unha sexualidade amable na que vivir."(p.15). Así, compila unha serie de temas (sexualidades, desexos, corpos, accesorios, violencias, afectos, etc) e desmonta a "educación" sexual que recibimos a través da pornografía, da música, das películas,... Este paso previo de facernos conscientes dos perigos do amor romántico e da educación sexual baseada no medo ( embarazos, ITS, ...), é necesario para achegarnos á necesidade de superar o binarismo de xénero e construír un mundo sen etiquetas, libre e que promova unhas relacións saudables, felices, pracenteiras e lonxe dos estereotipos. Porque unha relación sexoafectiva sa non doe aínda que as mensaxes que recibimos a diario dos mass media sexan unha invitación a conxugar o verbo aguantar ou a procurar unha media laranxa. Bel Olid cuestiona todos os estereotipos, prexuízos e demais para chegar a unha nova mirada en que o respecto polas outras persoas e por unha mesma nos leven a entender que se unha relación provoca dor ou esixe de nós demasiadas cousas negativas, non compensa por moito que o cantante ou actor de moda nos queiran convencer do contrario. O que si equilibra a balanza é o entusiasmo, o desexo, o pracer, o afecto, o respecto e os bos momentos compartidos.
Se ben este ensaio é totalmente recomendable para a etapa da adolescencia, tamén o é para persoas un chisco máis maiores porque faranos reflexionar sobre a educación sexual que recibimos e sobre a importancia de formar co exemplo. E isto non é un tema menor, non. Porque para contrarrestar o discurso do odio e da dor, nesta sociedade que espectaculariza o corpo das mulleres, é preciso artellar unha nova linguaxe que asente na liberdade para falar de todo sen dar por suposto nada ( heterosexualidade, amor romántico, etc). Quizais, este sexa o maior reto que nos propón este libro: desaprender, converternos en persoas adultas confiables, educar co exemplo e construír un mundo cos pés no respecto. O desafío é enorme, pero posible.
Bel Olid, Fodemos?, ed. Embora, 2021

Ningún comentario:
Publicar un comentario